O ADXECTIVO. A GRADACIÓN

O ADXECTIVO. A GRADACIÓN

Sesión de 60 minutos sobre o adxectivo.

Neste tema veremos, fundamentalmente a flexión do grao do adxectivo e os diferentes procedementos que temos para realizala.

domingo, 21 de marzo de 2010

SÍNTOO PERO ESTIVEN TODA A FIN DE SEMANA SEN CONEXIÓN A INTERNET.

TEMA 8.O teatro galego entre 1936 e 1976: a Xeración dos 50 e o Grupo de Ribadavia.
O resultado da guerra do 36 orixinou, como xa sabemos, un prolongado silencio editorial e literario en Galicia, que inicia a súa recuperación a comezos dos anos 50, e o xénero teatral, neste sentido, non foi unha excepción. Ata este momento os problemas do teatro galego non fixeron máis que incrementarse, pois non era fácil editar obras e moito menos representalas, agás as que escenificaban os Coros Populares, fundamentalmente zarzuelas como Non chores Sabeliña! de Trapero Pardo.
Mais a posta en marcha da editorial Galaxia coa súa revista Grial e coa colección “Illa Nova” significarán un pulo decisivo no proceso de recuperación do teatro galego, xa que facilitará a publicación de pezas de gran valor literario, pero que só excepcionalmente chegaban a ser representadas, polo que se trata dun teatro máis destinado á lectura que á representación. Entre esas obras podemos mencionar O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca, sen dúbida a obra máis importante da produción dramática de Cunqueiro, na que recrea a obra de Shakespeare mesturada co mito clásico de Edipo. A noite vai coma un río, e Palabras de víspera son outras pezas do mesmo autor.
Xunto con Álvaro Cunqueiro convén mencionar a outros autores dramáticos como Blanco Amor e Carballo Calero. O 1º iniciou o seu labor teatral en Bos Aires e continuou, despois, en Galicia, nos anos sesenta, converténdose nunha das principais figuras do teatro independente con obras como Farsa para títeres ou Teatro para a xente. En canto a Carballo Calero, o seu é un teatro que unhas veces se sitúa na tradición galega, mediante a recreación de temas populares como sucede en Farsa das zocas, mentres que noutros casos como en Auto do prisioneiro, bebe das correntes europeas.
Os dramaturgos anteriores, e sobre todo o altísimo nivel das súas obras, serviron de estímulo a unha promoción de autores máis novos como Daniel Cortezón, Mª Xosé Queizán, Bernardino Graña e Xohana Torres, entre outros, que pertencen á chamada “Xeración dos 50”, e constitúen a 1ª xeración de autores posterior á Guerra Civil.
O seu labor creador está condicionado por unha fonda preocupación social, polo que o texto dramático, sen descoidar a súa calidade, convértese no instrumento co que nos ofrecen unha visión crítica da realidade, abordando temas moi heteroxéneos que van desde a recreación histórica ata o drama psicolóxico. Concretamente Daniel Cortezón é partidario dun teatro comprometido que contribúa a evitar a perda da memoria histórica. Nesta liña están as súas obras máis representativas Prisciliano, ou Pedro Madruga. Pola súa banda, Xohana Torres tamén contribuíu a engrosar o repertorio galego con pezas como A outra banda do Iberr e Un hotel de primeira sobre o río, nas que as figuras femininas asumen un papel decisivo na defensa da Terra, e encarnan a vivencia da dor que supón o seu abandono e destrución.
Mª Xosé Queizán con Antígona ou a forza do sangue (situada nun ambiente medieval galego) e Bernardino Graña con Os burros que comen ouro (nunca cabalos serán), son outros autores que integran esta “Xeración do 50”.(nesta peza critica o poder do diñeiro e a vida alienada do ser humano)
A partir do remate da década dos 60 o teatro experimenta un gran desenvolvemento grazas a aparición de grupos como O Facho ou Teatro Popular, que pretendían rescatar o teatro das salas convencionais e comerciais para achegalo ao pobo tanto urbano como rural.
Pero o feito máis relevante no desenvolvemento da nosa dramaturxia foi a Mostra de Teatro de Ribadavia (que se celebrou anualmente entre 1973 e 1980). Trátase dun certame teatral que serviría de plataforma de lanzamento de numerosos autores, que se caracterizan por estar vinculados de forma directa á práctica teatral, e por facer un teatro comprometido coa realidade socio-política do momento, conxugando tendencias da dramaturxia europea coa tradición galega. Entre os dramaturgos que participaron neste certame covén salientar os son coñecidos colectivamente co nome de “Grupo Abrente” no que se inclúen Manuel Lourenzo, Euloxio Ruibal e Roberto Vidal Bolaño..
De todos eles Manuel Lourenzo é o máis prolífero con pezas de carácter clásico como Electra (onde retoma mitos da tradición grega), outras de carácter histórico como Xoana (onde recupera figuras do pasado histórico como Xoana a Tola, ofrecéndonos unha visión anovada dela), e tamén pezas próximas ao teatro experimental, situadas no momento presente, nas que aflora unha dimensión fortemente incoformista e crítica coa sociedade actual. Nesta liña están Veladas indecentes e Insomnes.
Roberto Vidal Bolaño é autor de pezas nas que incorpora personaxes e contidos propios da dramaturxia popular galega como Ledaíñas pola morte do Meco ou Baidadela da morte ditosa, mentres que noutras como Actas escuras, aborda os aspectos máis conflitivos do descubrimento da tumba do Apóstolo Santiago, e tamén ten pezas como Saxo Tenor que pretende ser unha crítica da sociedade do momento.
O terceiro integrante do Grupo Abrente, é Euloxio Ruibal como Zardigot , coa que se dá a coñecer, e unha traxedia experimental na que reflicte a Guerra Civil e á súa incidencia nunha familia galega, ou Azos de esguello , un retrato cruel e despiadado da vida cultural galega.

No hay comentarios: