ACTO PRIMEIRO. ESCENA SEGUNDA.
Entran Teseo e Hipólita.
TESEO. Fermosa Hipólita, a hora da nosa voda xa logo está ó caer. De aquí á lúa nova só van catro días. . Pero , que lento pasa o tempo!
HIPÓLITA. Catro días que logo serán noites. Catro noites que fuxirán como un soño, e chegará xa o noso casamento.
TESEO. Fíxente miña a golpe de espada e gañei o teu amor con violencia, pero as vodas contigo haberán de ter outro xeito.
HIPÓLITA. Que a nosa bonanza sexa de todos, pois todos son quen de compartila.
TESEO. Iso é. Mandarei que dispoñan todo, que todo o mundo goce co noso gozo.
XAS. El é Teseo, dono da sala de festas, e ela Hipólita, a súa muller.
Entra Toribio con Herminia, Demetrio e Lisandro. Rachando a situación.
TORIBIO. Noraboa, Teseo!. Os nosos parabens ó esgrevio príncipe!.
TESEO. Que a benzón sexa tamén contigo, meu bo amigo Toribio!.
TORIBIO. A benzón fuxiu da miña casa, e diso é do que che viña a falar, e de paso expoñerche as miñas queixas.
TESEO. Pide o que queiras que máis che debemos nós a ti.
TORIBIO. Contra min mesmo son as queixas, contra o meu sangue propio: a miña filla Herminia... Ven aquí Demetrio!. Meu amigo, este home ten o meu consentimento para casar coa miña filla, e este (sinala a Lisandro), enredoulle o corazón. Si, Lisandro, si .... Ti, cos teus versiños, os teus ramiños de caraveis, as túas cancionciñas á luz da lúa ... enredaches o corazón da miña filla. E ela, que sempre foi comigo ben mandada e doce, agora volveuse unha rabuda. Enfin, que se ela non consente en casar con Demetrio, pido que se lle prohiba para sempre a entrada neste local.
TESEO. E ti, Herminia, que dis?. Pensa con tino. Débeslle obediencia ó teu pai. Demetrio, ademais, é un bo mozo.
HERMINIA. E logo o Lisandro non o é tamén?.
TESEO. Tamén, tamén. En si mesmo, tamén o é. Pero non tendo o consentimento do teu pai é o outro o que se debe considerar como máis axeitado.
HERMINIA. É de sentido ó lle pedir ó meu pai que mire polos meus ollos.
TESEO. Máis ben deben de ser os teus ollos os que miren con xuízo.
HERMINIA. Pois prefiro calquera outro castigo antes de lle dar a man ó Demetrio.
TESEO. Pois pénsao ben, Herminia, repara o que significa, non poderás volver entrar nesta sala de festas.
HERMINIA. Pois así mesmo prefiro eu medrar, vivir e morrer antes de me ofrecer a quen non lle teño simpatía.
TESEO. Noto que o que a ti che convén é unha temporada de meditación. Tes de prazo ata a data do meu casamento para decidirte.
DEMETRIO. Transixe, docísima Herminia .... E ti, Lisandro, retira de contado as túas pretensións diante do meu dereito.
LISANDRO. Que cara dura Demetrio!. Por que non casas ti co seu pai, xa que tes o seu amor, e déixasme a min con agarimo da filla?.
TORIBIO. Pero será lerchán!. Ten o meu amor e terá a miña filla!.
LISANDRO. O amor de Herminia é meu.... Como non vou defendelo?. El andou a lle facer as beiras a Helena, e conquistando o seu amor, agora ela adoece por el ata perder o xuízo. Queda, pois, de manifesto, a súa lixeireza e deslealdade.
TESEO. Si, algo diso xa chegara ós meus oídos. Ben!, imos poñerlle cabo a esta leria.... Xa o sabes, Herminia, pénsao ben: ou obedeces ó teu pai ou non volves entrar aquí.
Saen todos agás Lisandro e Herminia que permanecen sós no escenario.
LISANDRO. Non me chores, prendiña.
HERMINIA. Só a desgraza nos quere acompañar.
LISANDRO. Lembra, rula, que sempre, en todas as historias, o verdadeiro amor tivo atrancos. Ou por diferenzas de posición … ou de idade, ou por culpa dos parentes….
HERMINIA. Pois se o noso amor é tal coma o das historias …. Por que non facemos coma nas historias?
LISANDRO. Iso é! Tes razón. Fuxamos. Fuxamos xuntos cara a outras terras onde poidamos casar sen ningún contratempo. Se é que me queres, fuxe da casa do teu pai mañá pola noite. Atoparémonos no bosque. Alí estarei agardando por ti na medianoite.
HERMINIA. Xuro polo noso amor que alí estarei. (Entra Helena).
LISANDRO. Ola Helena!
HERMINIA. Como estás fermosa Helena?
HELENA. Fermosa?. Eu?. É a ti a quen ama Demetrio. Daquela, a fermosa debes de ser ti. Os teus ollos son o seu norte, a túa voz a súa melodía, Ah! Se todo iso fose contaxioso como unha enfermidade!. Daríache o mundo enteiro a cambio Demetrio.
HERMINIA. Pois míroo encabuxada, pero el segue amándome igual.
HELENA. Se a miña ollada amantiña tivese o aquel do teu encabuxamento…!
HEMINIA. Canta máis xenreira lle poño, el máis me desexa.
HELENA. Eu, canto máis o quero máis aborrece ….
HERMINIA. O seu andazo, Helena, non che é culpa miña.
HELENA. É culpa da túa beleza. . Somos amigas desde nenas. Compartimos, decote, enredos, segredos e confidencias… E desde cativas fomos oíndo que as dúas rivalizabamos en fermosura…Noutrora, era a min a quen desexaba Demetrio, e agora é por ti por quen devece…. Que feitizo lle deches para que mudase así?.
HERMINIA. Haberás de ter consolo axiña, miña amiga da infancia, pois de contado, xa nunca máis me veredes nin ti nin Demetrio nin o resto do pobo.
HELENA. E logo?. Que queres dicir con iso?
HERMINIA. O que digo é que Lisandro e mais eu temos disposto de fuxir xuntos. Quedamos de facelo mañá, á medianoite, na metade do bosque. Anda ven, vamos xuntas dar un paseo e cóntoche, polo miúdo, toda esta movida! Ata mañá meu amor!
LISANDRO. Adeus miña rula!
Saen da escena Herminia e Helena.Queda Lisandro e entra Titania..
TITANIA. Mi madriña! Que fermoso doncel ven os meus ollos!
LISANDRO. Eu non son un doncel… eu son…
TITANIA. De agora en diante seras o que eu che diga. (Ó fondo do patio de butacas óese a voz de Oberón).
OBERÓN. Quieta aí, argallanta Titania!
Oberón, rei das fadas, entra polo patio de butacas e sobe ó escenario.
TITANIA. Meu querido e desconfiado home! E a que debo a túa esgrevia nobre visita?
OBERÓN. E ti, pendanga esposa, que andas enzarabullando por aquí?
TITANIA. E ti, Oberón, non estarás aquí por un casual, para celebrar o casamento da túa protexida Hipólita?
OBERÓN. Eu se estou aquí e só para esixir, sobre ti, pois es a miña muller, recordas?
TITANIA. Nos últimos tempos botas man de calquera retrónica para rifar comigo!. Se queres bailar comigo e entreterte á luz da lúa, podes vir. Senón arrédate de min.
OBERÓN. Deixa ese rapaz e irei canda ti.
TITANIA.Con tal cousa non contes!
OBERÓN. Non me tentes os ferrollos que hoxe ando máis bravo cás xestas!. Prohíboche que volvas falar con el.
TITANIA. Con iso non contes!
OBERÓN. Xa mas pagarás, Titania!.
Saen da escena Titania e Lisandro. Queda Oberón. Entran en escena Demetrio e Helena.
DEMETRIO. Pero como che hei de dicir que non te quero nin te quererei nunca?. Pero cantas veces terei que che repetir que me deixes tranquilo? . Por onde andan o Lisandro e a Herminia?. Dixéschesme que fuxiran a este bosque e eu por aquí non os vexo!.
HELENA. Polos teus quereres traizoei o segredo dunha amiga, contándoche todiño o que a min me contou a Herminia. Fíxeno por ti, Demetrio. E iso non che fará mudar o teu pensamento cara a min?
DEMETRIO. Non! Nunca!. Marcha de aí e non me veñas ó rabo!.
HELENA. Pois deixa de ser ti un imán e xa verás como eu deixo de ser metal!.
DEMETRIO. Fágoche eu as beiras?. Va que non?. Dígoche eu que es fermosa? Va que tampouco? . cóntoche ou non che conto eu con toda verdade que nin te quero nin te poderei querer nunca?.
HELENA. Pois se cadra é por iso polo que te queira máis.
DEMETRIO. Pónteme fóra da vista que enfermo só con te ver!
HELENA. E eu adoezo se non te vexo.
DEMETRIO. Non quero máis lerias contigo! Non me enredes e déixame en paz! (Sae da escena).
HELENA. Que aldraxe tan grande para a miña condición!. Nós, as mulleres, nunca podemos dispoñer das mesmas armas cós homes cando pelexamos polo amor. Nós non fomos educadas para conquistar. Fixéronnos para ser conquistadas. Pero aínda así haberei ir tras del e que o meu ceo demude nun inferno. Tanto me terá… Pero eu xa só quero morrer nas mans de quen tanto amo. (Sae da escena).
OBERÓN. Adeus, fermosa mociña!. Ten por certo de que antes de que saias deste bosque, ti fuxirás del e el adoecerá polo teu amor! (Entra Xas na escena). Ai, oh!. Aínda ben que chegou o calcarrúas!
XAS. Que pasa colega Oberón?, veño para repartir paixón!
OBERÓN. Acouga, diso mesmo che quería falar, quero que me vaias pola flor da amapola (Papoula).
XAS. No que dura un pensamento dobrarei dúas veces o cinto da terra para atopala.
OBERÓN. Baixa do carro, Xas, e non me sexas tan farruco!. Despois diso aínda terás que mesturar o zume desa flor co pelo da barba dunha meiga. Esa mestura se a botas na bebida fai que o que a bebe namore da persoa quen ten diante. Eu poñereillo a Titania e ti a Demetrio para que tolee por Helena. E outro consello, esmera o coidado para que resulte máis namorado el ca ela.
XAS. Non se aquele, meu señor, que xa remexín na leria e iso está feito de contado. (Sae da escena).
OBERÓN. Comeza a arrepiar, Titania, as engrelas da miña vinganza xa se puxeron a remexer!.
Oberón sae da escena.
ACTO SEGUNDO. ESCENA SEGUNDA
Xas vólvese a agachar. Entra en escena Titania e adormece.
Entra en escena Oberón, e Xas sae do seu Tobo.
OBERÓN.- ¿Tes aí o elixir do amor?
XAS.- Teño, xefe. Aquí está.
OBERÓN.- Moi ben. Eu poñereillo nos ollos á Titania e tí, a ese rapaz que che dixen.
XAS.- De acordo.
Oberón verque o elixir nas palpebras de Titania.
XAS.- (cantando)
Cando acordes do teu sono,
O que vexas, amarás.
E tanto terá se é oso,
porco bravo, gato ou can.
Tanto vai ter, pois fermoso,
vaiche parecer igual.
Daquela, quero e degoxo,
que o que vexas dea noxo.
Oberón dalle o resto do elixir a Xas e sae de escena. O trasgo agáchao.
XAS.- ¡Veñen xentes por aí! ¡Hai que agachar!
Entran en escena Lisandro e Herminia, que non reparan en Titania durmida.
LISANDRO.- ¡Amor meu! eu dicía que era mellor folgar aquí un anaco, e así cando rompa o día, renova-lo camiño con máis forzas.
HERMINIA.- Si, Lisandro... Eu deitarei aquí, ti procura un sitio non moi lonxe...
LISANDRO.- Poderiamos descansar xuntiños, meu amor, ten en conta, que, aínda que dous peitos, somos un só corazón, ........
HERMINIA.- Non pode ser, meu Lisandro, aínda non é tempo de deitármonos xuntos que non lle convén a un solteiro nin a unha doncela, catar dos froitos que se mandan gardar para máis adiante. Boas noites, meu amor...
LISANDRO.- Boas noites, miña vida...
Dormen, e nestas sae Xas do seu burato.
XAS.- O mozo do que me falou Oberón, debe ser este. Aínda que polas trazas non é ningún lacazán... En fin, imos ó cacho con este castigador:
Cando acordes do teu sono
non sei que tal andarás.
E tanto terá se é oso
porco e non sei que máis.
Pois se tal e cal, fermoso,
vaiche parecer igual...
Daquelo, quero e degoxo
algo de gato e de noxo.
¡Desde logo, cada vez teño menos memoria!
Xas, logo de bota-lo elixir nos ollos de Lisandro, sae da escena.
Entran Demetrio e Helena correndo e non se decatan dos que dormen: Titania, Lisandro e Herminia.
HELENA.- Espera por min Demetrio, aínda que despois non me volvas falar, non me deixes aquí soa!
DEMETRIO.Queres deixar de me andar ó rabo! Déixame en paz!. Non te quero ver máis!
HELENA.- E serás capaz de me abandonar neste lugar na boca da noite?
DEMETRIO.- Claro que son! E xa te gobernarás como poidas!
Demetrio sae da escena
HELENA.-Eu xa non podo máis!. Sempre dixeron que eu era tan fermosa coma Herminia. Agora sei que só eran cumpridos. Demetrio desprézame e foxe de min como se eu fose unha apestada... Malditos os espellos que mentiron ó me comparar con ela! (Descobre a Lisandro). Pero... quen está aí? Lisandro! Estará morto? Non lle vexo sangue nin feridas! ¡Está vivo! ¡Respira! ¡Acorda, Lisandro, acorda!
LISANDRO.- (Acordando). Polo teu amor lolaimoso, atravesaría o lume descalzo! Helena! Fermosa Helena! Sinto o teu corazón bater no meu peito. Onde anda Demetrio? Hei de partirlle a cara se o vexo por aí!
HELENA.- Non digas iso, Lisandro, non digas iso... Que máis ten que el deveza pola túa Herminia se ela está por ti?
LISANDRO.- A esa non a mentes! Teño remorsos de tanto tempo derramado con ela! Non é á Herminia a quen quero, senón a ti, Helena. . É por ti por quen estou.
HELENA.- Non te mofes así de min, Lisandro... Non o merezo. Non é dabondo xa que o Demetrio me rexeite para que veñas ti, por riba, a te mofar de min e da miña desgraza? De veras que me aldraxas ó me pretender dese xeito tan ruín! Adeus!
Helena sae de escena.
LISANDRO.- Non se decatou de que Herminia está durmindo alí! ¡Herminia! ¡Herminia! ¡Que noxo che teño! ¡Talmente como se me producises un empacho de larpeiradas e peperetes! O meu amor será para Helena e dela serei o seu namorado.
Lisandro sae de escena.
HERMINIA.- (Acordando). ¡Socorro! ¡Axuda! ¡Lisandro, Lisandro! ¡Lisandro! ¡Lisandro!, ¿como é?, ¿onde estás? ¡Responde, Lisandro, polo que máis queiras!. Por favor, non me deixes soa! ¡Lisandro!, ¿onde te metiches?
Herminia sae de escena buscando a Lisandro.
Trátase dun blog que inclúe información sobre aspectos gramaticais de lingua galega, con propostas prácticas e, nalgúns casos, solucións. Tamén recolle información sobre a produción literaria galega: tendencias literarias, autores, obras, textos, ...etc. A información aparecerá organizada mediante diferentes etiquetas. O blog tamén inclúe imaxes, vídeos, comentarios e enlaces a páxinas que, creo, poden ser do interese dos alumnos.
O ADXECTIVO. A GRADACIÓN
O ADXECTIVO. A GRADACIÓN
Sesión de 60 minutos sobre o adxectivo.
Neste tema veremos, fundamentalmente a flexión do grao do adxectivo e os diferentes procedementos que temos para realizala.
Sesión de 60 minutos sobre o adxectivo.
Neste tema veremos, fundamentalmente a flexión do grao do adxectivo e os diferentes procedementos que temos para realizala.
No hay comentarios:
Publicar un comentario