O ADXECTIVO. A GRADACIÓN

O ADXECTIVO. A GRADACIÓN

Sesión de 60 minutos sobre o adxectivo.

Neste tema veremos, fundamentalmente a flexión do grao do adxectivo e os diferentes procedementos que temos para realizala.

Mostrando entradas con la etiqueta Textos Xeración Nós. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Textos Xeración Nós. Mostrar todas las entradas

martes, 29 de noviembre de 2011

O Rifante

O “Rifante”
O “Rifante” era un mariñeiro que ganaba pesos que na súa bulsa gardábanse talmente como auga nunha peneira. En terra o Rifante non tiña caletre ningún; en canto ponía pé no seu barco, trocábase nun sabio. Tiña moitos fillos e moitos netos e todos a gastar a barullo porque o mar daba para todo.
Ninguén lle negou o creto de bo patrón e de bo cristiano que tiña; mais ás veces parecía ter tratos co demo. Habían de larga-lo aparello outros mariñeiros e non habían de coller ren; chegaba o “Rifante” e collía unha fartura de peixe.
O “Rifante” era farturento de seu. Estando a pique de morrer afogado ofreceuse a Nosa Señora e regaloulle un manto de seis mil reás, ademais da misa cantada, música, foguetes, traxes novos e comida a fartar.
O “Rifante” tiña fe na súa fada. Unha vez enfermouse e fixo de patrón o fillo máis vello. En canto volveu do mar, o fillo achegouse ó leito do pai e tatexando de medo contoulle que o aparello quedara trabado nunhas pedras. O “Rifante” dixo simplesmente: “Non teñas medo, Ramón; o mar levouno, o mar dará para outro”. E despois calou e virouse cara á parede.
¡Que confianza tiña o “Rifante” no mar!
Pero tanta fartura minguou de súpeto e a fame foi entrando en tódolos fogares. Tal aconteceu cando as traíñas mataron o xeito.
O “Rifante” apareceu un día diante do meu pai, amigo seu dende nenos e adernais conselleiro.
— ¿Sabes unha cousa? —dixo—. Hai fame, ¡fame!, na casa do “Rifante”. Ti xa sabes que nunca pedín nada a ninguén; mais agora veño petar na túa porta para que me emprestes mil reás. Quero botarlle un balcón novo á miña casa, ¿sabes?, e así a xente que vexa que ando en obra non pensará que os meus non teñen que levar á boca.
Meu pai, que percorreu moito mundo, aseguroulle que a fame cúrase con pan, mais o “Rifante” púxose teso e volveu a falar.
— A vergonza é pior que a fame.
E seguro meu pai de non convencer en terra a un home que somentes ten intelixencia no mar, abreu a gabeta e colleu mil reás, pero o “Rifante” atallouno:
— Non, agora non mos deas; xa virei por eles.
Na noite daquel día velaí se sinteu unha tropa na nosa casa. Era o “Rifante” que viña coa muller, os fillos, os xenros, as noras e os netos; todos en procura dos mil reás.
A patulea do “Rifante” encheu a casa toda e daba medo pensar cómo formarían roda dernandando pan ó seu Patriarca.
O “Rifante”, coa gorra encachada até as orellas, pideulle os cartos a meu pai e, ó recibilos das súas mans, descubreuse relixiosamente e, amostrándollos a todos, dixo con solenidade:
— Miña muller e meus fillos, se morro, xa sabedes que se lle deben cincoenta pesos a iste horne.
E sen decir outra verba, tapou a cabeza e foise diante de todos, escaleira abaixo.

jueves, 15 de enero de 2009

MÁIS TEXTOS DE NÓS

Andel literario

Cousas (1926-1929)
• A Marquesiña
• Na cova dos carcamáns
• Chegou das Américas
• Vou contarvos un conto triste

Un ollo de vidro. Memorias d’un esquelete (1922)

Retrincos (1932). O retrato

Os dous de sempre (1934). Capítulos II, XXVI, XXXI, XXXV, XLI e XLIV

Os vellos non deben de namorarse (1953). Terceiro lance

O RETRATO.

O RETRATO


…..Por amaina­la conciencia guindei co meu título de médico no fondo dunha gabeta, e busquei outra maneira de me valer. As xentes xa non sabían que eu era dono de tan tremenda licencia oficial; mais unha noite foron requiridos os meus servicios.
…..Era domingo. Melchor, o taberneiro, agardaba por min ó pé da porta. Deume as boas noites e rompeu a chorar, e por entre os saloucos saíanlle as verbas tan estruchadas que soamente logrou dicirme que tiña un fillo a morrer.
…..O pobre pai turraba por min, e eu deixábame levar, enfeitizado pola súa dor. ¡Despois de todo eu era médico titulado e non podía negarme! E tiven tan fortes anceios de compracelo que sentín xurdir nos meus adentros unha grande ciencia...
…..Cando chegamos á casa de Melchor logrei arriarme das súas mans, e con finxido acoitamento confeseille que sabía pouco da carreira...
…..-Repara que hai moitos anos que non visito enfermos.
E entón Melchor, facendo un esforzo, díxome quedamente:
…..-O meu fillo xa non precisa de médicos. Eu xa sei que o coitado non pasa da noite. E váiseme, señor; ¡váiseme e non teño ningún retrato seu!
…..Ai, eu non fora chamado como médico; eu fora chamado como retratista, e no intre sentín ganas acedas de botarme a rir.
…..E por verme ceibe de xeira tan macabra díxenlle que unha fotografía era mellor ca un deseño, asegureille que de noite poden facerse fotografías, e botando man de moitos razonamentos logrei que Melchor largase de min á cata dun fotógrafo. A cousa quedaba arrombada, e funme durmir, con mil ideas ensarilladas na chola.
…..Cando estaba prendendo no sono petaron na miña porta. Era Melchor.
…..-¡Os fotógrafos din que non teñen magnesio!
…..E díxomo tremendo de anguria. A face albeira, e os ollos coma dous tetos de carne vermella de tanto chorar.
…..Endexamais fitei a un home tan desfeito pola dor.
…..Pregaba, pregaba, e collíame as mans, e turraba por min, e o malpocado dicía cousas que me rachaban as entrañas:
…..-Considérese, señor. Dous riscos de vostede nun papel e xa poderei ollar sempre a cariña do meu neno. ¡Non me deixe na escuridade, señor!
…..¡Quen teria corazón para negarse! Collín papel e lápiz, e alá me fun con Melchor, disposto a facer un retrato do rapaz moribundo.
…..Todo estaba quedo e todo estaba calado. Unha luz cansa alumeaba, en amarelo, dúas facianas arrepiantes que ventaban a morte. O neno era o centro daquela pobreza da materia.
…..Sen dicir nada senteime a debuxa­lo que ollaban os meus ollos de terra, e soamente ó cabo dalgún tempo conseguín afacerme ó drama que fitaba e aínda esquecelo un pouco, para poder traballar afervoado, coma un artista. E cando o deseño estaba xa no seu punto a voz de Melchor, agrandada por tanto silencio, feriume con estas verbas:
…..-Pola alma dos seus defuntos, non mo retrate así. ¡Non lle poña esa cara tan encoveirada e tan triste!
…..Confeso que ó volver á realidade non souben que facer, e púxenme a repasa­las liñas xa feitas do retrato. O silencio foi esgazado novamente por Melchor:
…..-Vostede ben sabe como era o meu rapaciño. Faga memoria, señor, e debúxemo rindo.
…..De súpeto naceume unha grande idea. Rachei o traballo, ensumín o meu ollar nun novo papel branco e debuxei un neno imaxinario. Inventei un neno moi bonito, moi bonito: un anxo de retábulo barroco, a sorrir.
…..Entreguei o debuxo e saín fuxindo, e no intre de poñe-lo pé na rúa sentin que choraban dentro da casa. A morte viñera.
…..Agora Melchor consólase ollando a miña obra, que está pendurada enriba da cómoda, e sempre di coa mellor fe do mundo:
…..-Tiven moitos fillos, pero o máis bonito de todos foi o que me morreu. Velaí está o retrato que non mente.

martes, 16 de diciembre de 2008



"O PAI DE MIGUELIÑO"

O pai de Migueliño chegaba das Américas e o rapaz non cabía de gozo no seu traxe festeiro. Migueliño sabía cos ollos pechados cómo era o seu pai; pero denantes de saír da casa botoulle unha ollada ó retrato.

Os "americanos" xa estaban desembarcando. Migueliño e a súa nai agardaban no peirán do porto. O corazón do rapaz batíalle na táboa do peito e os seus ollos esculcaban nas greas, en procura do pai ensoñado.

De súpeto avistouno de lonxe. Era o mesmo do retrato ou aínda mellor portado, e Migueliño sinteu por el un grande amor e canto máis se achegaba o "americano", máis cobiza sentía o rapaz por enchelo de bicos. ¡Ai!, o "americano" pasou de largo sen mirar para ninguén, e Migueliño deixou de querelo.

Agora si, agora si que o era. Migueliño avistou outro home moi ben traxeado e o corazón dáballe que aquel era o seu pai. O rapaz devecíase por bicalo a fartar. ¡Tiña un porte de tanto señorío! ¡Ai!, o "americano" pasou de largo e nin tan siquera reparou que o seguían os ollos angurentos dun neno.

Migueliño escolleu así moitos pais que non o eran e a todos quixo tolamente.

E cando esculcaba con máis anguria, fíxose cargo de que un home estaba abrazando á súa nai. Era un home que non se parecía ó retrato; un home moi flaco, metido nun traxe moi floxo; un home de cera, coas orellas fóra do cacho, cos ollos encoveirados, tusindo...

Aquel si que era o pai de Migueliño.