CUESTIONARIO DE LITERATURA. TEMA 2
1. Quen son os responsables da renovación lírica no 1º terzo do século XX?
A renovación lírica, no 1º terzo do século XX, chegará da man dos poetas novos das vangardas (tamén coñecidos como xeración do 25). Esta xeración está constituída polos escritores nados arredor de 1900, que pretenderon romper coa lírica anterior e darlle un aire de modernidade á nosa poesía, incorporando a estética das vangardas europeas. Entre eles podemos mencionar a Manuel Antonio, Amado Carballo, Fermín Bouza Brey,….etc
2. Onde xorden os movementos de vangarda e que pretenden?
Os movementos de vangarda xorden en Europa, no 1º terzo do XX, coa pretensión de renovar os diferentes eidos da creación artística e, moi especialmente, a poesía.
3. Cal é a fonte de inspiración do poeta vangardista?
O poeta vangardista vaise inspirar no mundo que o rodea, facendo del unha realidade nova.
4. Como expresan as súas ideas estéticas os poetas vangardistas?
Todos adoitan expresar as súas ideas estéticas a través de manifestos. En galego o único manifesto vangardista foi o “Manifesto máis alá”, asinado por Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro. Pero os nosos poetas vangardistas tamén utilizaron como medio de difusión da estética vangardista as revistas, a maior parte delas bilingües, como Alfar e Resol (a 1ª en Coruña e a 2ª en Santiago), Ronsel ( en Lugo nos anos 20) e Cristal (en Pontevedra) entre outras.
5. Cal é a característica común a todos os movementos de vangarda e por que chegaron a se manifestar na literatura galega do momento?
Os movementos de vangarda, que se caracterizan pola súa heteroxeneidade, tiveron proxección na literatura galega do momento e, moi especialmente, no xénero lírico, grazas ó camiño aberto pola Xeración Nós, de quen herdaron esa actitude universalizadora.
6. Por que os poetas galegos vangardistas non se arredaron totalmente da tradición?
Non obstante, os nosos poetas non se arredaron totalmente da tradición nin da idiosincrasía galegas, debido á influencia de dous factores: o espírito nacionalista das Irmandades da Fala e a relación cos poetas portugueses e, en concreto, co saudosismo ( movemento de vangarda que rende culto ao sentimento da saudade). Estes dous condicionantes fixeron que os poetas galegos non chegaran a deshumanizarse do mesmo xeito que o fixeron, no resto de Europa, os cultivadores dos diferentes –ismos europeos.
7. En que apartados se poden clasificar os poetas galegos vangardistas?
Inicialmente podemos clasificar os poetas vangardistas galegos en dous apartados diferentes: por unha banda falaremos dos seguidores dunha corrente vangardista moderada cunha base tradicional e, pola outra, estarían os seguidores dunha vangarda plena, cunha poesía máis novidosa.
8. Que -ismos se inclúen na corrente vangardista moderada? Explícaos e menciona os autores e obras máis representativos.
Na corrente vangardista moderada podemos mencionar, en 1º lugar, o neotrobadorismo, que xorde na década dos 20 debido á descuberta da poesía medieval e á súa difusión por parte do Seminario de Estudos Galegos. Este movemento caracterízase por recuperar os procedementos estilísticos propios das cantigas medievais, como o paralelismo ou o leixaprén. Nesta liña atópanse as obras de Fermín Bouza Brey, Seitura e Não Senlleira. De carácter neotrobadoresco son tamén os libros de Álvaro Cunqueiro, Dona do corpo delgado e Cantiga nova que se chama Riveira, este último máis fiel aos modelos medievais e menos innovador có anterior.
Na mesma liña de vangarda moderada tamén se atopa o hilozoísmo. É un movemento de temática paixasítica, xa existente na nosa tradición, pero exenta de elementos ruralistas, na que o elemento humano desaparece para deixar paso a unha natureza personificada. Ademais, caracterízase por combinar os recursos metafóricos propios das vangardas, coas formas tradicionais da nosa poesía ( verso curto, con predominio do octosílabo, rima asonante,….), aínda que o recurso máis empregado é a animación ou personificación dos elementos da natureza. O autor máis representativo desta tendencia é Luís Amado Carballo coas súas obras Proel e O Galo, nas que reflicte a paisaxe da súa terra, a quen atribúe calidades humanas. Na tendencia hilozoísta tamén se inscriben as obras Orballo de media noite, de Roberto Blanco Torres, Versos a tres cás o neto, de Euxenio Montes e Fírgoas de Luís Acuña.
9. Que -ismos se inclúen na corrente vangardista plena? Explícaos e menciona os autores e obras máis representativos.
Destaca o creacionismo, que é o movemento de vangarda máis rupturista e, polo tanto, máis innovador. Foi iniciado en París polo poeta chileno Vicente Huidobro, e no escenario galego o seu máximo representante é Manuel Antonio, que foi o que máis teorizou sobre os movementos vangardistas, principalmente no “Manifesto máis alá” e en “Prólogo dun libro de poemas que ninguén escribeu”.
10. Que trazos da poesía vangardista de M. Antonio son comúns ao resto das vangardas europeas?
Na súa poesía, exenta dunha actitude de compromiso, introduce moitos tecnicismos e tamén o humor, mediante a ridiculización de elementos, que noutra época tiveron un valor diferente. Ademais, e coincidindo co resto das vangardas, nos seus poemas non hai unha orde cronolóxica (busca un efecto de atemporalidade), nin secuencia narrativa, o que lle permite presentar a realidade desde diferentes puntos de vista, utilizando, funfamentalmente, as imaxes para resaltar os trazos anteriormente citados.
11. En que trazos da súa poesía vangardista, M. Antonio se afasta do resto das vangardas europeas?
Na súa obra hai presenza de unidade temática, concretamente no seu libro De catro a catro, no que o mar é unha constante en todos os poemas. Ademais, os seus versos non están totalmente desprovistos de sentimentalismo e así, en moitos deles, afloran sentimentos como a saudade, o pesimismo ou a soidade, froito da reflexión sobre a natureza humana.
12. Cal é a produción lírica de M Antonio no 1º terzo do século XX?
O seu libro De catro a catro é o único poemario que se coñeceu ata que Domingo García Sabell fixo unha recompilación da súa obra completa, co título de Poesías , que recolle as obras: Con anacos do meu interior, Foulas, Sempre e máis despois (nas que mestura elementos tradicionais, con elementos vangardistas e modernistas), Viladomar (que representa a etapa final da produción de M. Antonio e nela retoma as formas tradicionais) e De catro a catro, que representa a renovación da poesía da poesía galega, mediante a presenza de trazos vangardistas, como a utilización de versos irregulares, espazos en branco, xustaposicións de imaxes,…etc.
13. Que outros poetas, ademais dos mencionados, contribuíron á renovación lírica no 1º terzo do XX?
Outros autores que tamén contribuíron á renovación da nosa lírica, tal é o caso de Federico García Lorca con Seis poemas galegos, Aquilino Iglesia Alvariño con Corazón ao vento, no que mestura saudosismo e hilozoísmo, e o xa mencionado Álvaro Cunqueiro con Mar ao norde e Poemas do si e non, nos que observamos influencias cubistas e surrealistas.
.
Trátase dun blog que inclúe información sobre aspectos gramaticais de lingua galega, con propostas prácticas e, nalgúns casos, solucións. Tamén recolle información sobre a produción literaria galega: tendencias literarias, autores, obras, textos, ...etc. A información aparecerá organizada mediante diferentes etiquetas. O blog tamén inclúe imaxes, vídeos, comentarios e enlaces a páxinas que, creo, poden ser do interese dos alumnos.
O ADXECTIVO. A GRADACIÓN
O ADXECTIVO. A GRADACIÓN
Sesión de 60 minutos sobre o adxectivo.
Neste tema veremos, fundamentalmente a flexión do grao do adxectivo e os diferentes procedementos que temos para realizala.
Sesión de 60 minutos sobre o adxectivo.
Neste tema veremos, fundamentalmente a flexión do grao do adxectivo e os diferentes procedementos que temos para realizala.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario