SÉCULOS ESCUROS.
Despois da etapa medieval, concretamente dos séculos XVI ó XVIII, a lingua galega e a nosa literatura entran nun proceso de decadencia, debido fundamentalmente ó asentamento, no noso país, dunha nobreza foránea, intransixente coa nosa cultura e coa nosa lingua. Esta nobreza de orixe castelá vai substituír á nobreza galega e como consecuencia, tamén o clero e os altos cargos da administración foron substituídos e ocupados por xente procedente de Castela que impoñen a súa lingua e aceleran o proceso desgaleguizador das clases altas, impedindo a consolidación do galego como lingua literaria.
Esta situación provoca que durante este período coñecido como os Séculos Escuros, a nosa lingua estivese ausente dos usos escritos, e só se realizase na oralidade, pois seguía a ser a vía de comunicación da meirande parte da poboación galega, aínda que quedou reservada para os usos coloquiais e familiares Así, mentres as restantes linguas europeas entran nun proceso de fixación e codificación, o noso idioma desfragméntase e queda reducido a unha variante dialectal.
Polo tanto a literatura galega, dende o século XVI ata o XVIII, quedou reducida practicamente á expresión oral, aínda que conservamos algunhas manifestacións literarias, xa sexan populares ou cultas, que son de grande interese, non tanto polo seu valor literario, como polo seu valor lingüístico, xa que nos permiten comprender a evolución da lingua galega ó longo dos séculos.
No apartado da poesía popular, consérvanse algunhas composicións de carácter narrativo, nas que poetas anónimos, utilizando formas sinxelas como o romance ou as coplas populares, trataban temas do momento. Así o tema da execución do Mariscal Pardo de Cela, foi motivo de moitos romances.. Un dos máis coñecidos é famoso “Pranto da Frouseira” no que se mitifica a figura do nobre. Tamén se conservan algúns restos de poesía de circunstancias como a composición que fala do saqueo da vila de Cangas polos turcos, ocorrido en 1917.
Por último neste apartado de poesía popular, temos que incluír numerosos vilancicos de Nadal, a maioría anónimos, que recreaban o nacemento de Xesucristo e que combinan elementos popularesda nosa tradición (como os ritmos da miuñeira) con elementos cultos de procedencia eclesiástica.
Ademais destes exemplos de poesía popular, entre os textos que se conservan dos Séculos Escuros, tamén hai mostras , aínda que escasas, de poesía culta. Trátase dun número reducido de obras, pero é de supoñer que ó longo dos séculos se perderon outras tantas composicións.
Neste apartado hai que incluír as composicións que concorreron a un concurso convocado pola Universidade de Santiago coñecido co nome de Festas Minervais. As composicións perdéronse case na súa totalidade, pero conservamos impresas as pertencentes ó certame de 1697, entre as cales figuran nove romances en galego, de oitenta versos cada un, obra de diferentes autores. Neste apartado de poesía culta, teñen especial interese as composicións barrocas recollidas no libro dedicado ás exequias da raíña Margarida de Austria, esposa de Felipe III, publicado en 1612, no que figuran dous sonetos en galego, “Soneto con falda” de Xoán Gómez Tonel e de “Respice finem”de Pedro Vázquez de Neira (que significa “aproveita ben a fugacidade da vida”). Tamén do século XVII son as “Décimas ao Apóstolo Santiago” (1617) nas que o crego Martín Torrado, critica con fina ironía a Felipe IV porque pretendía que Santa Teresa de Ávila compartise o padroado de España co seu patrón tradicional, o Apóstolo Santiago. E por último, de corte renacentista conservamos “O Soneto de Monterrei”, anónimo, que é un poema dialogado no que un cabaleiro lle declara o seu amor a unha pastora.
Ademais dos textos líricos mencionados anteriormente, tamén conservamos a 1ª peza teatral en galego co título de O entremés famoso sobre a pesca no río Miño de Gabriel Feixoo de Araúxo, do século XVII. A obra, de ton humorístico e final feliz, trata do conflito que se produce entre galegos e portugueses pola pesca con redes no río Miño.
Polo que se refire ó apartado da narrativa, só se conserva un texto literario en prosa, de carácter popular, titulado Relazón da carta xecutoria, que narra a execución do Mariscal Pardo de Cela, polo que desde o punto de vista temático está relacionado cos poemas populares que tratan este mesmo tema.
Xa no século XVIII asistiremos a un cambio importante porque , en certos sectores ilustrados, xorde unha nova sensibilidade cara Galicia como realidade autónoma dentro do Estado. Así o testemuñan as reivindicacións que da nosa cultura e a nosa lingua, fixeron figuras como o Padre Feixoo (loitou contra a crenza de que o galego era unha forma “corrupta” do castelán e demostrou a súa identidade como lingua autónoma), o Padre Sarmiento ( que defendeu o uso do galego no ensino), e Diego Antonio Cernadas de Castro, coñecido como o cura de Fruíme (autor de quince composicións poéticas na nosa lingua).
Estes homes, na súa maioría relixiosos, preocupáronse pola situación de Galicia, principalmente pola súa historia, a súa cultura e a súa lingua, ó tempo que foron sentando as bases do Rexurdimento literario que se ía producir no século XIX.
No hay comentarios:
Publicar un comentario