O ADXECTIVO. A GRADACIÓN

O ADXECTIVO. A GRADACIÓN

Sesión de 60 minutos sobre o adxectivo.

Neste tema veremos, fundamentalmente a flexión do grao do adxectivo e os diferentes procedementos que temos para realizala.

Mostrando entradas con la etiqueta Literatura galega de 1º. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Literatura galega de 1º. Mostrar todas las entradas

lunes, 8 de noviembre de 2010

O LIRISMO GALEGO-PORTUGUÉS.

TEMA I: A LÍRICA MEDIEVAL .A CANTIGA DE AMIGO.
O paso de Idade Antiga á Idade Media foi un proceso longo e complexo. No século IX xa podemos falar dun romance diferenciado con respecto ó latín: o galego-portugués, aínda que os primeiros textos escritos no noso idioma datan de finais do século XII e principios do XIII. A partir de aquí comeza un novo período para a nosa lingua e tamén para a nosa literatura que se coñece con nome de Idade Media.
Desde o punto de vista cultural, hai que salientar o descubrimento da tumba do Apóstolo Santiago (no ano 813) que deu orixe á cidade de Compostela converténdose nun reclamo de moitos peregrinos que acudían á cidade Compostelá para visitar a tumba. De tal xeito que o arcebispo Diego Xelmírez potenciou estas peregrinacións conseguindo que o papa Calixto III instituíse o ano Xacobeo: desde entón outórgase a graza do Xubileo a quen visite a tumba do Apóstolo nos anos que nos que o 25 de xullo cadre en Domingo.
É así como o camiño de Santiago permitiu a peregrinación de xentes procedentes de diferentes puntos de Europa e con elas a entrada das diferentes correntes culturais do momento.
Por outra banda a partir do século XI tivo lugar un cambio importante que terá a súa transcendencia nas relacións e na cultura medieval europea, xa que as clases máis privilexiadas de Europa, ata entón maioritariamente analfabetas e con preocupacións exclusivamente guerreiras, comezaron a ter inquietudes culturais e artísticas, este cambio vén determinado polo contacto dos nobres coa cultura árabe, a través das Cruzadas. Deles aprenderon a facer versos, a tocar o laúde ou a cortexar a unha dama, e todo isto converteuse nun sinal de distinción social, igual o maior que saber loitar no campo de batalla. Esta nova sensibilidade chegou a Galicia por dúas vías: por unha banda da man dos trobadores occitanos e franceses que fixeron o camiño de Santiago e pola outra, a través da influencia cultural, que a orde monacal de Cluny de orixe francesa, exerceu sobre a Igrexa daquel tempo e, polo tanto, sobre os fillos dos nobres que con eles se educaban.
Neste ambiente medieval nace o amor cortés que deu orixe a unha amplísima produción lírica ( coñecida co nome de cancó provenzal), desenvolvida no sur de Francia a partir do século XII e posteriormente espallada á Península. Ese amor xurdiu como resultado do contacto da cultura cabaleiresca coa concepción platónica e mística do amor.
• Da cultura cabaleiresca o poeta toma a obediencia, servidume e a a honra que os cabaleiros lle deben ó rei. O cabaleiro poeta rende vasalaxe á súa dama como se esta fose o seu señor. Debe ademais ser discreto e non desvelar a identidade da dama, porque moitas veces estaba casada. Esta é a razón pola que o seu nome aparece oculto baixo pseudónimo ou sinal.
• Do platonismo e da relixiosidade da época os poetas toman a idea dunha amada tan perfecta moral e fisicamente que só se poden dirixir a ela nun plano de veneración case relixiosa.

En canto á poesía trobadoresca galego-portuguesa cultivada por trobadores galego-portugueses e casteláns é resultado do contacto coa cultura trobadoresca de orixe provenzal cunha tradición poética de carácter oral, xa existente no noso territorio. Cultiváronse fundamentalmente tres xéneros: a cantiga de amigo, a cantiga de amor e a cantiga de escarnio. Ademais existen os chamados xéneros menores, composicións que non se inclúen en ningún dos apartados anteriores, como a pastorela, o pranto, a tenzón...
Case toda a nosa produción chegou ata nós a través de códices manuscritos chamados cancioneiros. Conservamos os seguinte:
Cancioneiro de Ajjuda: de finais do século XIII. Descubriuse no pazo portugués de Ajuda. Inclúe case exclusivamente cantigas de amor e está incompleto porque lle faltan os nomes dos autores e a notación musical.
Cancioneiro da Biblioteca do Vaticano. Descubriuse na biblioteca do Vaticano . Inclúe cantigas dos diferentes xéneros. A diferenza do anterior ten o nome dos autores
Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa. Hoxe consérvase na biblioteca que lle deu o nome . É o máis completo dos tres pois ademais de incluír un nº considerable dos diferentes tipos ou xéneros de cantigas, estas van precedidas dun tratado poético que explica as técnicas da composición das cantigas.
Ademais destes 3 cancioneiros conservamos outros textos entre os que destaca O pergamiño Vindel, que contén 7 cantigas coñecidas do xograr Martín Códax e inclúe notación musical que nos permite coñecer a melodía orixinal.

Autores e intérpretes.
TROBADOR. Xeralmente era de condición nobre aínda que ás veces non estaba en boa situación económica. Era o compositor das cantigas, que ás veces el interpretaba. Aparece citado nos Cancioneiros polo nome e apelidos.
XOGRAR. É de condición social baixa. Era o intérprete de cantigas alleas e mesmo podía estar ó servizo dun trobador fixo aparecen citados polo nome, alcume ou lugar de procedencia.
SEGREL. Pertence á clase dos escudeiros burgueses e pequena fidalguía. É un trobador no sentido de que el mesmo é o autor e intérprete das composicións, pero diferénciase do 1º en que cobra pola interpretación das súas composicións nas cortes.
MENESTREL. Instrumentista que acompañaba a interpretación musical das cantigas.
SOLDADEIRAS. Eran mulleres que acompañaban coas danzas e acrobacias as interpretacións. A máis coñecida foi María a Balteira (motivo de moitas cantigas de escarnio).

A CANTIGA DE AMIGO.
A cantiga de amigo ten a súa orixe na lírica popular autóctona anterior ó trobadorismo, aínda que tamén amosa influencias da lírica provenzal. Trátase de breves cancións realizadas por trobadores pero postas en boca dunha muller que expresa os seus sentimentos amorosos cara ó amigo. Este é o sinal distintivo do xénero e sinónimo de amado. O amigo non sempre é invocado directamente, xa que a protagonista pode dirixirse a outros interlocutores como a nai ou outra amiga e, mesmo, a elementos da natureza que aparecen personificados e tamén actúan como confidentes dos sentimentos amorosos da muller.

En todas as cantigas de amigo hai unha serie de motivos ou constantes que se repiten e que reciben o nome de campos sémicos. O campo sémico do panexírico é un canto que a protagonista feminina fai da súa propia beleza e das calidades poéticas do seu amigo. Pode desenrolarse ó longo da composición ou ocupar un lugar marxinal. É o único campo sémico que pode aparecer combinado cos outros. Outro campo sémico é o do amor correspondido e o amor insatisfeito, que representa as dúas caras da relación amorosa entre a moza e o seu amigo. Neste sentido a moza pode expresar ledicia ou coita (tristeza). Por último temos que falar do campo sémico da prohibición, que vén dada pola imposibilidade do encontro dos namorados, unhas veces motivada pola nai que se opón a esa relación, e outras veces motivado por causas de forza maior.

Desde o punto de vista temático, as cantigas de amigo poden ser de varios tipos: as bailadas de orixe tradicional ( pois están presentes en todas as literaturas) eran cantigas que acompañaban os bailes e, contrariamente ó carácter melancólico da maioría das cantigas de amigo, as bailadas expresan a alegría de amar e de vivir. As mariñas ou barcarolas constitúen un grupo importante dentro da tradición da cantiga de amigo, e nelas atopamos sempre a presenza do mar, que non aparece unicamente como escenario no que se sitúa a acción, senón que en moitas cantigas aparece personificado actuando como interlocutor da muller. Outro tipo de cantigas son as cantigas de romaría, de orixe autóctona, (non teñen paralelo noutras literaturas), preséntannos o ambiente das festas campestres ao carón da ermida, onde as mozas buscaban noivo ou se atopaban con el mentres as nais rezaban. O que as caracteriza é, pois, a presenza da ermida ou santuario, elementos que na maioría dos casos son un mero pretexto para o encontro amoroso. Por último están as albas ou alboradas que, na lírica provenzal era un xénero que narraba a despedida dos amantes ao mencer, alertados polo garda do castelo ( o gaita) que anunciaba a chegada do novo día. Con esta caracterización non atopamos albas na nosa tradición, xa que nas composicións galego-portuguesas nas que aparece o motivo da alba, a acción trancorre ó romper o día, e a doncela quéixase da longura das noites nas que o amigo está ausente. Polo tanto no lirismo galego-portugués non se pode falar de alba como xénero, senón de cantigas amigo nas que aparece o motivo da alba como momento no que transcorre a acción.

Desde o punto de vista formal, o trazo máis salientable da cantiga de amigo é o paralelismo. Trátase dun procedemento repetitivo que enlaza as estrofas de dúas en dúas, facendo que os versos da segunda estrofa sexan unha pequena variante dos versos da primeira. Cada unha das estrofas soe estar constituída por un par de versos con rima asonada seguido dun estribillo ou refrán (verso ou versos que se repiten ó final de cada estrofa). O paralelismo pode ser perfecto, cando os pares de estrofas están concatenados entre si, pois os segundos versos das estrofas do par anterior son sempre os primeiros versos das estrofas do par seguinte. Este procedemento de concatenación recibe o nome de leixaprén. Pero cando o paralelismo está illado en cada par de estrofas sen unión con outros pares entón falamos de paralelismo imperfecto.

Atendendo a un criterio formal as cantigas de amigo poden ser de meestría ou de refrán. As primeiras son aquelas composicións nas non que se rexistra o consabido refrán ou estribillo e nas que o paralelismo chega case a desaparecer ou está inusitadamente atenuado. Ademais, nelas, o vocabulario amosa xiros propios da cantiga de amor o que revela unha vez máis a contaminación entre os dous xéneros. En canto ás cantiga de refrán son aquelas que levan un estribillo ou refrán ó final de cada estrofa.

En canto ó cómputo silábico, na lírica medieval abranguía ata a última sílaba tónica de cada verso. Na cantiga de amigo os metros máis empregados son os octosílabos e os decasílabos, pero en moitas cantigas de amigo o número de sílabas dos versos é irregular. Esta irregularidade que se dá sobre todo nas de refrán, responde á influencia da tradición lírica autóctona, mentres que o isosilabismo deriva da influencia poética occitana.

Para rematar, podemos dicir que as cantigas de amigo poden ser monologadas ou dialogadas. Nas primeiras, a protagonista feminina fala dos seus sentimentos amorosos invocando ó amigo, ou ben dirixíndose a outros interlocutores ( a nai , as amigas, os elementos da natureza,...etc.) que en ningún caso teñen voz. En canto ás dialogadas, nelas a moza mantén un diálogo co amigo, unha amiga ou máis frecuentemente coa nai.






jueves, 30 de abril de 2009


SÉCULOS ESCUROS.

Despois da etapa medieval, concretamente dos séculos XVI ó XVIII, a lingua galega e a nosa literatura entran nun proceso de decadencia, debido fundamentalmente ó asentamento, no noso país, dunha nobreza foránea, intransixente coa nosa cultura e coa nosa lingua. Esta nobreza de orixe castelá vai substituír á nobreza galega e como consecuencia, tamén o clero e os altos cargos da administración foron substituídos e ocupados por xente procedente de Castela que impoñen a súa lingua e aceleran o proceso desgaleguizador das clases altas, impedindo a consolidación do galego como lingua literaria.
Esta situación provoca que durante este período coñecido como os Séculos Escuros, a nosa lingua estivese ausente dos usos escritos, e só se realizase na oralidade, pois seguía a ser a vía de comunicación da meirande parte da poboación galega, aínda que quedou reservada para os usos coloquiais e familiares Así, mentres as restantes linguas europeas entran nun proceso de fixación e codificación, o noso idioma desfragméntase e queda reducido a unha variante dialectal.


Polo tanto a literatura galega, dende o século XVI ata o XVIII, quedou reducida practicamente á expresión oral, aínda que conservamos algunhas manifestacións literarias, xa sexan populares ou cultas, que son de grande interese, non tanto polo seu valor literario, como polo seu valor lingüístico, xa que nos permiten comprender a evolución da lingua galega ó longo dos séculos.

No apartado da poesía popular, consérvanse algunhas composicións de carácter narrativo, nas que poetas anónimos, utilizando formas sinxelas como o romance ou as coplas populares, trataban temas do momento. Así o tema da execución do Mariscal Pardo de Cela, foi motivo de moitos romances.. Un dos máis coñecidos é famoso “Pranto da Frouseira” no que se mitifica a figura do nobre. Tamén se conservan algúns restos de poesía de circunstancias como a composición que fala do saqueo da vila de Cangas polos turcos, ocorrido en 1917.
Por último neste apartado de poesía popular, temos que incluír numerosos vilancicos de Nadal, a maioría anónimos, que recreaban o nacemento de Xesucristo e que combinan elementos popularesda nosa tradición (como os ritmos da miuñeira) con elementos cultos de procedencia eclesiástica.

Ademais destes exemplos de poesía popular, entre os textos que se conservan dos Séculos Escuros, tamén hai mostras , aínda que escasas, de poesía culta. Trátase dun número reducido de obras, pero é de supoñer que ó longo dos séculos se perderon outras tantas composicións.

Neste apartado hai que incluír as composicións que concorreron a un concurso convocado pola Universidade de Santiago coñecido co nome de Festas Minervais. As composicións perdéronse case na súa totalidade, pero conservamos impresas as pertencentes ó certame de 1697, entre as cales figuran nove romances en galego, de oitenta versos cada un, obra de diferentes autores. Neste apartado de poesía culta, teñen especial interese as composicións barrocas recollidas no libro dedicado ás exequias da raíña Margarida de Austria, esposa de Felipe III, publicado en 1612, no que figuran dous sonetos en galego, “Soneto con falda” de Xoán Gómez Tonel e de “Respice finem”de Pedro Vázquez de Neira (que significa “aproveita ben a fugacidade da vida”). Tamén do século XVII son as “Décimas ao Apóstolo Santiago” (1617) nas que o crego Martín Torrado, critica con fina ironía a Felipe IV porque pretendía que Santa Teresa de Ávila compartise o padroado de España co seu patrón tradicional, o Apóstolo Santiago. E por último, de corte renacentista conservamos “O Soneto de Monterrei”, anónimo, que é un poema dialogado no que un cabaleiro lle declara o seu amor a unha pastora.

Ademais dos textos líricos mencionados anteriormente, tamén conservamos a 1ª peza teatral en galego co título de O entremés famoso sobre a pesca no río Miño de Gabriel Feixoo de Araúxo, do século XVII. A obra, de ton humorístico e final feliz, trata do conflito que se produce entre galegos e portugueses pola pesca con redes no río Miño.

Polo que se refire ó apartado da narrativa, só se conserva un texto literario en prosa, de carácter popular, titulado Relazón da carta xecutoria, que narra a execución do Mariscal Pardo de Cela, polo que desde o punto de vista temático está relacionado cos poemas populares que tratan este mesmo tema.

Xa no século XVIII asistiremos a un cambio importante porque , en certos sectores ilustrados, xorde unha nova sensibilidade cara Galicia como realidade autónoma dentro do Estado. Así o testemuñan as reivindicacións que da nosa cultura e a nosa lingua, fixeron figuras como o Padre Feixoo (loitou contra a crenza de que o galego era unha forma “corrupta” do castelán e demostrou a súa identidade como lingua autónoma), o Padre Sarmiento ( que defendeu o uso do galego no ensino), e Diego Antonio Cernadas de Castro, coñecido como o cura de Fruíme (autor de quince composicións poéticas na nosa lingua).
Estes homes, na súa maioría relixiosos, preocupáronse pola situación de Galicia, principalmente pola súa historia, a súa cultura e a súa lingua, ó tempo que foron sentando as bases do Rexurdimento literario que se ía producir no século XIX.